Final feliz para o culebrón desatado pola desaparición e posterior procura do papagaio Curro. O papagaio amazonas cantor desaparecera o luns día 15 da súa casa en Os Meáns en Vilaño, A Laracha, nun descoido ao deixarlle unha porta aberta. Nada se soubo del ata o pasado martes cando unha parella de paseantes o localizou saudando, agora si podemos dicilo, antes non por seguridade para o animal, xunto ao campo de fútbol de As Eiroas, nunha pista arborizada próxima ao polígono de Bértoa en Carballo. Curro fixo caso omiso de todas as advertencias para que baixase da árbore, desatendendo as indicacións dos paseantes, da Policía Local e mesmo dos seus donos que se achegaron ao lugar para tentar recuperalo. O papagaio sobreviviu milagrosamente a duros días de frio e sen perder o seu orgullo e simpatía. A familia que o acolle está emocionada, tal e como nos comentaba amablemente Rosa, cuñada da dona oficial de Curro. Non paran de agradecerlle ao veciño de Oza en Carballo, que prefire manterse no anonimato, que o recuperara este xoves ás 6 da tarde. Curro estaba no seu alpendre comendo trigo. O dono da casa recoñeceuno enseguida, colleu unha saba botoulla por encima e Curro quedou atrapado. Acto seguido comunicouse cun amigo de Baldaio que coñece á familia do papagaio e aí terminouse a historia da fuga. Unha historia cun final moi feliz que deu a volta a medio España, en infinidade de medios de comunicación e que aínda traerá cola nos próximos días. Tal e como nos comentou Rosa, Curro estaba a durmir, aínda que está ben e tranquilo, iso si, «de momento preferiu non facer declaracións».