- Será o parador numero 98 da cadea, o máis vangardista e tamén o máis demandado para desconectar da pandemia.
O Parador Costa da Morte ten as 65 habitacións ocupadas para os meses de xullo e agosto e hai moita expectación pola inauguración desta instalación integrada na ladeira da praia de Lourido en Muxía e que promete ser un motor da economía e do emprego na zona. O estado de alarma retrasou a súa apertura, prevista para Semana Santa, e adiada ata o próximo xoves. Agora están cos últimos detalles para que a estancia deses primeiros clientes sexa pracenteira, inesquecible e sobre todo segura, libre de coronavirus. Unha oferta tentadora para mirar ao Atlántico somerxidos nunha piscina infinita, baixo os chorros do spa ou desde algunha das súas suites. Esta infraestructura xestouse a raíz da catástrofe do Prestige e quere converterse nun símbolo do contrario, unha homenaxe á natureza, á cultura e á xente dunha costa única. Aos últimos preparativos antes da súa apertura súmanse ás medidas de prevención da Covid, para unha estancia pracenteira e segura.