O Parador de Muxía acolleu o 25 aniversario do Batallón Literario da Costa da Morte


O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este sábado no recital de celebración polo 25 aniversario da aparición do Batallón Literario da Costa da Morte, organizado polo Parador de Muxía en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade. O Batallón, fundado en 1996 nunha cafetería de Cee por un grupo de rapaces e rapazas con ansia de publicar, marcou o desenvolvemento da acción poética en Galicia durante a década dos 90.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade sinalou que o Batallón Literario da Costa da Morte “foi fundamental para a dinamización cultural e o prestixio da lingua, pois contribuíu poderosamente a converter Galicia e a súa lingua nas potencias poéticas e literarias que hoxe son”.

No acto, que tivo lugar no propio Parador, tamén participaron Julio Castro, director do establecemento; Teresa Seara, profesora e crítica literaria, e varios dos poetas que militaron no colectivo literario: Alexandre Nerium, Marilar Aleixandre, Estevo Creus, Concha Blanco, David Creus, Serxio Iglesias, Mónica Góñez, Miro Villar, Rafa Vilar e Modesto Fraga, que recitaron varios dos seus textos. Ademais, o evento estivo amenizado polo cantautor Manoele de Felisa, que presentou o seu último traballo, Cancioneiro do Camiño.

O evento tamén foi o escenario elixido para presentar dous novos traballos cos que colabora o Goberno autonómico, unha edición facsimilar da folla voandeira Feros Corvos, publicación de expresión do Batallón na súa época, da man de Modesto Fraga; e a antoloxía poéticahomónima, preparada por Teresa Seara e publicada pola editorial Chan de Pólvora, que forma parte da colección Cova da lontra da editorial. Como agasallo de despedida, os convidados recibiron un exemplar de cada un.

25 aniversario do Batallón Literario

O Batallón Literario da Costa da Morte fundouse o 1 de maio de 1996 en Cee como confluencia dunha serie de grupos e asociacións que buscaban publicar a pesar das condicións adversas.  En pouco máis de dous anos, María Lado, Estevo Creus, Rafa Vilar, Xandra Tedín, Mónica Góñez, Miro Villar, Paco Souto, María Lado, Modesto Fraga, Alexandre Nerium, Tomás Lijó, María Xosé Canitrot, Pilar Beiro, Abel Mendes, Serxio Iglesias, Marilar Aleixandre, Suso Bahamonde, María Canosa e Xaime Trillo, converteron o colectivo nun referente da acción poética en Galicia, levando a poesía ás rúas en forma de recitais, intervencións ou iniciativas editoriais como Letras de Cal ou Edicións do Dragón.