O paratriatleta xuvenil da A.D. Fogar, Daniel Blanco, Top 5 no Nacional Paralímpico de Dúatlon

O paratriatleta xuvenil da A.D. Fogar, Daniel Blanco Gómez, acompañado polo seu pai e guía, Iván Blanco, completaron unha destacada actuación no Campionato de España de Duatlón Paralímpico celebrado o pasado sábado 28 de febreiro na localidade de Cáceres, onde lograron unha moi meritoria quinta posición na categoría PTS7 masculina sobre a distancia sprint de 5 quilómetros de carreira a pé, 20 quilómetros de ciclismo e outros 2,5 quilómetros de carreira a pé. Nunha proba marcada polo alto nivel e experiencia dos competidores, Daniel detivo o cronómetro nun tempo final de 1.23’42», quedando a tan só seis centésimas de alcanzar a cuarta praza nun final moi apretado. Blanco que competía por primeira vez sobre a distancia sprint, comezou a proba marcando o cuarto mellor parcial no primeiro segmento de carreira a pé (21’54»). O seu gran rendemento viuse referendado nunha moi boa primeira transición (T1), onde asinou o segundo mellor tempo de todos os participantes (0’47»), o que lle permitiu afrontar o sector de ciclismo en postos de privilexio. Tralos 20 quilómetros do segmento ciclista (47’19»), o deportista do Fogar deu mostras do seu bo momento de forma no último treito de carreira a pé, asinando un parcial de 12’19» que lle serviu para consolidar a súa posición no «Top 5» nacional nunha das citas importantes do calendario oficial.

Related posts

A XIV Carreira Pedestre de Camariñas bate o récord de inscritos coa participación de 962 persoas

O SAL celebra o 8 M con Lucía Graña, socorrista referente en emprendemento inclusivo e comunidade rural

A Deputación da Coruña recibiu ás e aos deportistas provinciais participantes no CESA 2026 coas seleccións galegas de balonmán