O Parlamento demanda a reposición das liñas de ferrocarril suprimidas por mor da Covid-19

1 minutes read

O Parlamento de Galicia aprobou unha proposición non de lei, consensuada entre os tres grupos parlamentarios, a través da que se demanda ao Goberno central a reposición inmediata das liñas de ferrocarril suprimidas coa desculpa da Covid-19, así como o mantemento da liña Avant Coruña-Ourense con saída ás 6:30 da mañá e chegada ás 7:38 e a revisión dos horarios de cara a favorecer a mobilidade entre Coruña, Santiago, Ourense. Así mesmo, reitérase a solicitude para que se mellore o transporte ferroviario entre Ourense, Santiago e A Coruña, esixindo que no prazo de dous meses se negocie un calendario de cumprimento.

A iniciativa parlamentaria tamén solicita ampliar de xeito inmediato o cadro de persoal, principiando por cubrir as prazas vacantes, que permitan garantir o funcionamento axeitado de todos os servizos, especialmente no relativo á necesaria corrección do déficit de maquinistas, de especialistas de operacións comerciais de información e venda presencial, persoal de control de acceso e persoal de atención aos viaxeiros.

A deputada popular Noelia Pérez cualificou como un “fito histórico” o inicio das circulacións comerciais do AVE a Ourense, pero “esta gran noticia non pode impedirnos ver con claridade as necesidades pendentes en Galicia en materia ferroviaria”.