O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, a través da que se solicita ás autoridades competentes de Uruguai que se tomen todas as medidas necesarias para garantir a protección sanitaria dos socios de Casa de Galicia, así como todas aquelas que, axustadas a dereito, garantan a protección e a integridade do patrimonio cultural, artístico e histórico desta entidade para que permanezan no ámbito da galeguidade no propio país, axudando aos socios na súa adquisición, ou facendo directamente a Administración, no caso de non ser posible outra solución. Ademais, demándase que tanto o Estado como a Xunta continúen coas medidas que correspondan dentro das súas competencias para asegurar a protección socio-sanitaria dos emigrantes galegos.
A deputada do Grupo Popular Raquel Arias manifestou que, ante a situación que está a vivir a Casa de Galicia en Montevideo, “a nosa preocupación é dobre: por un lado, a protección sanitaria dos seus socios, de maneira particular dos galegos; e, por outro, da protección do seu patrimonio e a garantía da súa continuidade”.
Porén, lembrou que, a consecuencia da cualificación xurídica da Casa de Galicia en Montevideo, “só o Goberno e o resto de poderes establecidos pola Constitución e as normas do Estado de Uruguai son competentes para o control, desde calquera punto de vista, desta institución”. “Iso non quita que desde a Xunta se siga moi de preto e de forma continua a situación da Casa de Galicia, do mesmo xeito que se fai co resto de entidades en diferentes países do mundo”, subliñou.
