O Parlamento de Galicia aprobou este martes a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno central que ofreza á maior brevidade, de xeito continuo e coa máxima transparencia, toda a información dispoñible polo Ministerio de Transportes sobre as causas que provocaron o colapso do viaduto do Castro na A-6, ao tempo que activa de inmediato a mesa de seguimento, comprometida polo presidente do Goberno de España na súa xuntanza co presidente da Xunta, sobre as medidas que se veñen adoptando en relación coa autovía A-6.
O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, cuestionou “cal pode ser o motivo polo que o Goberno de Pedro Sánchez non ofrece a información clara, transparente e periódica ao Goberno galego, aos cidadáns, aos usuarios frecuentes desta autovía ou aos transportistas” sobre as medidas que se están a adoptar para reparar o colapso deste viaduto.