O Parlamento galego dá luz verde ao teito de gasto para 2022, que ascende a 11.571 M€


O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, presentou no Parlamento o teito de gasto non financeiro para o exercicio 2022 que ascende a 11.571 millóns de euros, e que foi aprobado na Cámara autonómica.

Valeriano Martínez cualificou este teito de “prudente e rigoroso” e explicou que ten tres prioridades: dar por superada a pandemia en termos sanitarios, seguir reactivando a actividade económica e o emprego, e garantir a protección e o benestar das familias e das empresas. Ademais, o conselleiro tamén subliñou que permitirá recuperar “a mediados do ano 2022 o nivel de riqueza precovid”, antes que a media de España.

O teito do vindeiro ano está conformado por 11.197 millóns de euros de recursos non financeiros. Dentro deles inclúense 417,3 millóns da parte que lle corresponde a Galicia dos recursos vinculados ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia; 266,9 millóns dos recursos REACT-EU; e a transferencia de 211 millóns de euros da mensualidade do IVE de 2017 retida polo Goberno central desde 2019. A isto hai que engadir 415 millóns de euros correspondentes ao 0,6% de necesidade de financiamento, unha vez detraídos 41 millóns de axustes de contabilidade nacional.

Galicia manterá a súa capacidade máxima de gasto grazas a que no 2022, a comunidade galega recibirá do Estado a mensualidade do IVE correspondente a 2017.