O Parlamento de Galicia aprobou a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a iniciar a elaboración da nova Estratexia Galega de Acción Voluntaria, co obxectivo de coñecer a súa situación actual para definir as liñas estratéxicas e os obxectivos operativos, coa base da experiencia dos propios voluntarios. “Estamos orgullosos da Galicia que facemos entre todos, pero estamos especialmente orgullosos daqueles que constrúen esa Galicia con espírito altruísta, entregando o mellor de si sen esperar máis premio que a propia satisfacción persoal”, manifestou o portavoz popular de Asuntos Sociais, Alberto Pazos.
Subliñou tamén que “a solidariedade e o altruísmo son valores fortemente arraigados no conxunto da sociedade galega, e mostra indiscutible desta realidade é o crecemento constante e sostido que experimentou en Galicia o voluntariado social ao longo dos últimos anos”. En concreto, desde a entrada en vigor da orde que regula o Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, as entidades contidas no mesmo pasaron de 819 en 2014 ás 1.076 que o conforman na actualidade.
“Deste xeito, e como calquera outra actividade social, o voluntariado precisa dunha axeitada planificación estratéxica para optimizar os seus esforzos”, indicou Alberto Pazos, quen considerou que “chegou o momento de afrontar a elaboración dunha nova Estratexia de Acción Voluntaria adaptada á realidade, elaborada coa colaboración dos axentes do voluntariado e que afonde na reivindicación e a promoción do espírito voluntario”, concluíu.