O Parlamento galego solicita a posta en marcha dun programa de revitalización dos viveiros forestais


O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o PSdeG, unha proposición non de lei a través da que se solicita a posta en marcha dun programa de actualización e revitalización da rede de viveiros forestais, así como a actualización da normativa da Comunidade galega pola que se crea o sistema oficial para o control da produción e comercialización dos materiais forestais de reprodución.

O deputado popular Rubén Lorenzo considerou “imprescindible a continuación e fortalecemento das liñas de mellora xenética forestal orientadas á obtención de materiais forestais de reprodución de alta calidade xenética para o seu emprego en repoboación forestal, así como a obtención de maiores rendementos madeireiros”. Explicou que “o monte galego alberga unha notable variedade de ecosistemas de gran importancia para o mantemento da riqueza e biodiversidade da flora e a fauna”, e apuntou que “os nosos montes desempeñan, ademais, un papel moi importante na protección do solo, da paisaxe e dos sistemas hidrolóxicos”.

Deste xeito, lembrou que “é competencia da Xunta a conservación e mellora dos recursos xenéticos forestais, coa finalidade de conservar o acervo xenético forestal, fornecer o material forestal de reprodución mellorado, obter material forestal resistente a pragas e enfermidades forestais, e mellorar a produción forestal en calidade e cantidade”. Considerou “moi importante coidar o noso monte, pois debemos ter en conta que a actividade humana sobre o monte, xunto coa alteración das condicións ambientais, ten un impacto sobre a diversidade xenética forestal, e esta é a base fundamental da evolución e da adaptación dos ecosistemas forestais e dos seus compoñentes, tanto no espazo como no tempo”.

Así mesmo, e tendo en conta que a conservación dos recursos xenéticos forestais é un dos ámbitos definidos na Estratexia forestal europea de 2013, Rubén Lorenzo apuntou que “este debe ser un dos obxectivos a empregar os fondos FEADER en Galicia”.