O Parlamento reclamaralle á Xunta que ceda a Lonxa Vella ao concello de Camariñas

Lonxa vella de Camariñas _ Fonte: camarinasdirecto.blogspot.com/

  • Encarna Liñeiro reivindica “darlle vida e recuperar” o inmoble para constituír un Museo do Mar dotado de aulas para formación

A Comisión de Pesca do Parlamento aprobou este venres unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta a cesión da titularidade do edificio da Lonxa Vella de Camariñas ao Concello para que este poida “darlle vida e recuperar o inmoble”. A deputada socialista Encarna Liñeiro reclamara a transferencia da titularidade do edificio, pero aceptou a emenda do PP para aprobar a cesión “canto antes”.

A parlamentaria de Camariñas lembrou que o edificio atópase baleiro de tapiado, que “xa non ten uso portuario e está integrado na zona máis transitada da vila”, nun estado “ruinoso” ata o punto de que conta cun “campo de herba no tellado”. Actualmente é o Concello quen se ten que facer cargo do escaso mantemento dun edificio titularidade de Portos de Galicia, que “reflicte a actitude de abandono total da Xunta coa Costa da Morte”.

Liñeiro reclamoulle ao goberno galego que atenda á solicitude do Concello para facer un Museo do Mar con capacidade para aulas nas que se desenvolvan cursos de formación “nun dos portos pesqueiros de titularidade autonómica con máis flota de toda Galicia”.

A deputada socialista censurou o desleixo amosado polo goberno galego cara Camariñas, tanto no caso da Lonxa Vella coma na ponte da dársena, que logo de permanecer un ano pechado por Portos de Galicia, terá que ser reparado polo Concello, que “non recibirá un só euro dos 12.000 que custa o seu arranxo”.