O Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro avanza coa creación dun Consello Asesor


O Consello de Dirección do Parque Arqueolóxico da Idade do Ferro reuniuse no Porto do Son nunha primeira xuntanza na que se aprobou a creación dun Consello Asesor e outras medidas encamiñadas a avanzar no proxecto como a confirmación dos castros que forman parte do plan ou a creación dunha imaxe corporativa e unha páxina web para o proxecto. Na mesma reunión aprobouse a incorporación do Concello de Dodro á iniciativa.

Representantes da Deputación da Coruña e os concellos de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Porto do Son participaron na primeira xuntanza do Consello de Dirección do Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro, un proxecto que, segundo as institucións implicadas, supón unha forte aposta pola posta en valor dos recursos históricos e polo turismo cultural de calidade. A iniciativa ten previsto desenvolverse coa implicación de diferentes axentes do ámbito do turismo, da arqueoloxía, da investigación e da divulgación polo que, xa na primeira xuntanza se aprobou a creación dun Consello Asesor que oriente os pasos futuros do proxecto.