O Concello da Coruña, a través da súa Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, comezou a finais de decembro os traballos para crear un novo espazo de lecer na contorna da muralla da Coruña, o chamado parque do Eirón. O lugar, actualmente sen uso, está situado entre a Fundación Luís Seoane e o Hospital Abente e Lago. O proxecto, redactado polo arquitecto Fermín González Blanco, contou coa participación de educadores e nenos e nenas participantes nos obradoiros Nenoarquitectura da Fundación Luís Seoane. A recuperación do parque Eirón suporá a creación dunha nova zona verde de case 1.500 metros cadrados na que se ubicarán fresnos, camelios, olmos e arces co conseguinte mobiliario urbano.
Este novo espazo atópase na marxe esquerda da rúa San Francisco, anexo á fachada leste da Fundación Luís Seoane, na zona de influencia e protección da muralla defensiva coruñesa, que arrodeaba a Cidade Vella. Ata o de agora atopábase baleiro e desocupado. Todas as intervencións que se están a levar a cabo realízanse tomando as medidas oportunas de protección deste ben patrimonial da cidade, contribuíndo tamén a facelo accesible aos cidadáns.
Un dos obxectivos desta actuación é instaurar unha continuidade peonil na parte superior da muralla. «Esta iniciativa do Goberno de Inés Rey supón un paso máis na posta en valor dos nosos símbolos, como é o caso da muralla. Continuamos sumando espazos para a cidadanía», sinalou Francisco Díaz Gallego, concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade.