O Consello de Dirección do Parque do Megalitismo reuniuse este xoves en Laxe para avanzar en distintas liñas de acción co fin de consolidar o proxecto no que participa a Deputación da Coruña e dez concellos da Costa da Morte. Entre outras liñas de traballo, aprobouse o programa das xornadas que se desenvolverán en xuño e a sinalización que identificará algúns dos bens patrimoniais.
Nesta xuntanza déronse pasos adiante na consolidación do proxecto, de maneira especial co obxectivo de que o rico patrimonio histórico do territorio se converta nun novo motor de turismo cultural. Será este o tema central das xornadas que terán lugar do 17 ao 19 de xuño e que se desenvolverán na Casa de Eduardo Pondal, no concello de Ponteceso e que incluirán no seu programa a visita aos principais bens patrimoniais da comarca.
O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, defende a necesidade de xerar novos productos turísticos que desestacionalicen o sector e contribúan a súa recuperación.
Pola súa banda o presidente na actualidade do Consello de Dirección e alcalde de Laxe, José Luís Pérez Añón, apuntou a necesidade de «desenvolver accións conxuntas, para que o Parque tome forza e se mostre como unha unidade da que participan os concellos da Costa da Morte que se xuntan para facer valer un patrimonio megalítico único».
Vindeiros actos
As xornadas darán comezo o xoves 17 de xuño e, entre outros temas, abordarase a riqueza patrimonial e a época histórica dos dolmes, presentaranse os avances nos estudos arqueolóxicos, estudaranse distintos modelos de intervención e proxectos de promoción tanto en España como en Portugal así como os obxectivos da consolidación do Parque do Megalitismo.
Ademais das conferencias e distintos encontros para compartir coñecemento da materia, boa parte das xornadas dedicaranse a coñecer no propio territorio os monumentos megalíticos de maior interese. Neste sentido, o programa inclúe a realización de visitas ao dolmen A Fornela dos Mouros en Laxe, dolmen de Dombate en Cabana de Bergantiños, aos dolmen de Pedra Cuberta e Pedra da Lebre en Vimianzo, da Arca da Piosa en Zas, ás gravuras do dolmen de Pedra da Arca en Dumbría-Vimianzo, ao Dolmen da Parxubeira en Mazaricos, á Pedra Moura de Aldemunde en Carballo, ao menhir de Erboedo, pedra abaladoira e mosteiro de Soandres na Laracha e ao dolmen de Cerqueda en Malpica de Bergantiños.
O programa completarase con actuacións musicais, unha observación da lúa e o sol desde o Faro de Punta Nariga en Barizo, Malpica, visita ao xardín da Casa de Pondal ademais de encontros e outras accións en tres espazos de especial interese patrimonial no territorio como son as Torres do Allo, o Castelo de Vimianzo e o Forno do Forte, onde se desenvolverá a posta en común final e o remate das xornadas.

