A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou este martes que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural xa ten elaborado o primeiro Plan de autoprotección do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, co que se pretende garantir a xestión das situacións de emerxencia que poidan acontecer nas illas do parque, é dicir, dotar a este espazo natural dunhas ferramentas de planificación propias que melloren a capacidade de resposta e facer fronte ás posibles emerxencias que puidesen presentarse.
Tal e como sinalou a conselleira na xornada técnica de presentación deste documento, o feito de que Illas Atlánticas conte cun plan de autoprotección é de gran importancia para poder establecer os recursos humanos e materiais necesarios, así como as secuencias de acción que os grupos de intervención levarán a cabo para conseguir unha xestión eficaz das situacións de emerxencia que se puideran dar dentro dos límites do parque nacional. Trátase pois de dar unhas pautas e de xerar unha organización ante unha situación de emerxencia.