O Parque Nacional das Illas Atlánticas, na lista de humidais de importancia internacional

1 minutes read

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas xa forma parte oficialmente da lista de humidais de importancia internacional. Deste xeito, Galicia convértese na terceira comunidade española con máis zonas húmidas recoñecidas como sitios Ramsar, concretamente seis, unha cifra que só superan Andalucía e Valencia.

Ademais, grazas a esta nova distinción o territorio conformado polos arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada suma un recoñecemento máis de carácter internacional. De feito, é o único espazo natural da comunidade que concentra seis das principais figuras de protección medioambiental que existen xa que forma parte da Rede ÓSPAR de áreas mariñas protexidas, é Zona de Especial Protección para as Aves, Zona de Especial Conservación, Lugar de Interese Comunitario, e desde o ano 2002, Parque Nacional.

Cómpre subliñar que a chamada lista Ramsar é un inventario de prestixio internacional que integra as zonas húmidas máis relevantes de todo o mundo —preto de 2.500 sitios repartidos por máis de 160 países—, tanto desde o punto de vista do seu interese ecolóxico como pola súa transcendencia para a conservación da biodiversidade.