O Parque Nacional das Illas Atlánticas oferta 140 prazas para realizar visitas guiadas

1 minutes read

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia ofrecerá esta primavera un total de 140 prazas para participar en rutas guiadas polos catro arquipélagos co fin de dar a coñecer entre os visitantes os seus principais valores e singularidades nunha época do ano distinta ao verán e na que, ademais, moitos procesos naturais se poñen en marcha nas illas. As visitas serán de balde e enmárcanse no programa Descubrindo o Parque Nacional.

Desde a posta en marcha desta iniciativa, en febreiro do ano 2014, xa participaron nela máis de 1.500 persoas e cada primavera detéctase un interese e demanda maiores. Deste xeito, búscase promover a desestacionalización das visitas ás Illas Atlánticas e ademais ofrécese a posibilidade de achegarse aos arquipélagos dun xeito ordenado, sostible e da man de guías especializados no Parque Nacional.

Concretamente, este ano organizaranse oito visitas guiadas entre marzo e abril. As rutas faranse con grupos reducidos co fin de poder ofrecer unha experiencia de calidade e para dar a oportunidade de participar ao máximo número posible de persoas, os interesados só se poderán apuntar a unha delas. Así mesmo, habilitarase tamén unha listaxe de agarda coa que cubrir posibles baixas.

Xa está aberto o prazo de inscrición e as persoas que queiran participar nalgunha das rutas ofertadas poderán anotarse ata catro días antes da data da visita nas oficinas do Centro de Visitantes do Parque Nacional en Vigo ou na súa páxina web.