O Parque Nacional das Illas Atlánticas ofrece 50 prazas para formarse como guías especializados

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia ofrece este ano 50 prazas para acreditarse como guías especializados na difusión dos valores dos catro arquipélagos. O prazo para inscribirse nesta actividade formativa acaba de abrirse.

Entre o 12 de abril e o 12 de xuño, os participantes recibirán 70 horas de instrución, impartida mediante unha plataforma de aprendizaxe en liña. Esta primeira fase teórica será complementada cunha parte práctica e obrigatoria de aproximadamente 30 horas, que terá lugar nas propias illas no último cuadrimestre do ano.

O obxectivo do curso é ofrecer a formación necesaria para poder exercer axeitadamente o labor de guía no Parque Nacional, razón pola que está enfocado a dar aos participantes as ferramentas, técnicas e bases conceptuais imprescindibles para o desenvolvemento de actividades didácticas e a dinamización de grupos.

Tendo en conta o perfil de edicións anteriores, o curso para acreditarse como guías do parque nacional adoita atraer sobre todo a profesionais que desenvolven a súa actividade nalgún ámbito relacionado co turismo, de forma directa ou indirecta, na área de influencia das Illas Atlánticas, como poden ser informadores en puntos de atención turística, guías, técnicos de concellos ou de organismos vencellados ao sector, traballadores das navieiras ou persoal de hostalería, entre outros. En todo caso, tamén está aberto a persoas doutras disciplinas interesadas en lograr a capacitación necesaria para especializarse na difusión dos principais valores que atesouran as Illas Atlánticas.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha