O Parque Nacional das Illas Atlánticas ofrecerá actividades e rutas guiadas en Semana Santa

2 minutes read

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia organizará rutas e outro tipo de actividades de balde durante toda a Semana Santa para achegar os valores e a riqueza deste espazo natural a todas as persoas que decidan aproveitar estas datas para visitar algún dos seus arquipélagos.

Cómpre lembrar que os arquipélagos de Cíes e de Ons poderanse visitar de xeito particular en transporte público ata o vindeiro domingo 4 de abril, un período no que hai xa máis de 1.100 reservas confirmadas. Do mesmo xeito, Sálvora e Cortegada tamén recibirán visitantes, que participarán en percorridos guiados e dirixidos por persoal debidamente acreditado das empresas que realizan estas viaxes.

Ao igual que en anos anteriores, o obxectivo do programa deseñado especificamente para as vacacións de Semana Santa é poñer á disposición dos visitantes todo un abano de recursos que lles axuden a coñecer mellor as illas a través de actividades que, dun xeito ameno, transmitan os valores polos que están protexidas.

Así, as persoas que decidan visitar o Parque Nacional nestas datas poderán apuntarse e satisfacer a súa curiosidade sobre a historia dos arquipélagos, as estratexias de supervivencia da vida natural, a riqueza mariña e a problemática dos plásticos mariños. As accións estarán desenvolvidas por guías do Parque Nacional e tamén haberá outro persoal despregado nas illas para atender e ofrecer información aos visitantes.

Todas as actividades serán de balde e, como único requisito, os interesados terán que anotarse o mesmo día da actividade nas casetas de información localizadas nas inmediacións dos peiraos de Cíes e de Ons. En todo caso, haberá límite de prazas debido á situación xerada pola covid e ás medidas preventivas establecidas, polo que en cada actividade só poderán participar un máximo de oito persoas, máis un guía, e manterase en todo momento a distancia de seguridade entre os asistentes.