O parque nacional das Illas Atlánticas promoverase como destino turístico ‘Starlight’


O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia alberga un verán máis unha completa programación de actividades astronómicas co obxectivo de diversificar o seu uso público e dar a coñecer entre os visitantes unha parte destacada dos seus recursos naturais: o ceo.

Por sexto ano consecutivo, a Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía (Fegar) encargarase de dirixir e coordinar as distintas accións de dinamización previstas para difundir os valores que desde o ano 2016 acreditan a este espazo natural como destino turístico Starlight. Para logralo, Fegar contará coa colaboración e apoio loxístico do persoal do Parque Nacional no desenvolvemento das actividades, de carácter gratuíto e dirixidas a distintos sectores da poboación, incluído o público infantil.

Cómpre lembrar que os destinos Starlight —un selo avalado pola UNESCO, apoiado pola Unión Astronómica Internacional (IAU), a Organización Mundial de Turismo (UNWTO) e outorgado pola Fundación Starlight— son lugares visitables que gozan dunhas condicións óptimas para a contemplación dos ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, resultan especialmente axeitados para albergar todo tipo de actividades turísticas baseadas neste recurso natural.

Neste sentido, a programación astronómica prevista para este verán nas Illas Atlánticas —que comezou o pasado 1 de xullo e prolongarase ata o 11 de setembro— inclúe observacións tanto diúrnas como nocturnas durante as que se porá a disposición das persoas participantes material óptico de última xeración e equipos electrónicos.