O Parque Nacional das Illas Atlánticas reafirma o seu compromiso co desenvolvemento sostible


A asemblea xeral da Asociación Ecoturismo de España (AEE) ratificou a incorporación do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia a esta entidade, unha asociación sen ánimo de lucro creada en 2010 para fomentar o turismo sostible nos espazos protexidos.

É o primeiro parque nacional como tal que se incorpora a esta asociación como representante dunha administración pública que xestiona este espazo natural, que, neste caso, é a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Con esta incorporación o Parque Nacional das Illas Atlánticas reafirma o seu compromiso co desenvolvemento sostible e a preservación da súa riqueza ambiental paisaxística e cultural.

Nesa liña cómpre lembrar que tamén está adherido á Carta Europea de Turismo Sostible, unha iniciativa de la Federación Europarc, que ten como obxectivo global promover o desenvolvemento do turismo sostible nos espazos naturais protexidos de Europa. E, ademais, conta coa distinción de Destino Turístico Starlight, o que supón o recoñecemento da calidade dos seus ceos, o seu compromiso coa preservación das súas condicións de pouca luz e a existencia de iniciativas turísticas relacionadas coa contemplación do ceo como unha parte esencial da natureza.