Será Un mar de ciencia, un mar de illas, unha publicación que ten como obxectivo presentar de xeito atractivo e accesible os lugares de interese natural de cada un dos catro arquipélagos que compoñen o parque: Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada.
O manual permitirá ás persoas interesadas descubrir os lugares máis emblemáticos de cada zona, comprender a historia e etnografía do territorio e coñecer a flora e a fauna que habita neles. Así, os visitantes poderán explorar as praias, miradoiros, enclaves naturais e puntos de interese histórico e cultural do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a través dun relato que vai máis alá de mostrar o seu valor paisaxístico.
Ademais, a publicación contará con mapas detallados de cada unha das rutas e información esencial para preparar a viaxe a cada unha das illas: como chegar, onde pasar a noite ou onde comer. Tamén inclúe indicacións sobre como percorrelas sen impactar nos ecosistemas protexidos.