O parque Ofimático da Coruña contará con 40 novas vivendas de promoción pública


A Xunta adxudicou a redacción do proxecto e a dirección da obra para a construción de 40 vivendas de promoción pública (VPP) na parcela Z-13 do parque Ofimático da Coruña. O importe do contrato ascende a un total de 289.479,66 euros, IVE incluído.

O estudo que se encargará da redacción terá un prazo para a presentación dos proxectos básico e de execución de cinco meses, aínda que o contrato se prolongará durante a construción das vivendas ao incluír tamén a dirección da obra.

Cómpre subliñar que esta adxudicación se corresponde co segundo bloque de vivendas de promoción pública que ten previsto levantar o Instituto Galego da Vivenda e Solo no barrio coruñés de Xuxán —antigo parque Ofimático—.

Actualmente estase ultimando a construción dun bloque de 40 VPP na parcela Z-11 do Ofimático, un ámbito no que o organismo autonómico está a investir máis de 6 millóns de euros. Estas vivendas serán adxudicadas todas en réxime de alugueiro.