O Partido Socialista comprométese en Carballo a suprimir a peaxe da AG-55

O Partido Socialista comprometeuse a suprimir a peaxe da AG-55 e a concluir as obras da autovía da Costa da Morte, cumprindo así “unha reivindicación histórica desta comarca”.

Así o anunciou este martes no Pazo da Cultura de Carballo a cabeza de lista dos socialistas na provincia da Coruña, Patricia Iglesias, que reivindicou “con orgullo” as súa orixe carballesa e comprometeuse “a defender os intereses de Bergantiños e a Costa da Morte” desde o goberno da Xunta de Galicia para “rematar co illamento e abandono ao que someteron a esta comarca os gobernos do PP durante quince anos”. “Imos darlle futuro e oportunidades á xente esta comarca. Ese é o compromiso do Partido Socialista”, afirmou.

Iglesias lembrou que os socialistas impulsaron desde o Goberno de España a gratuidade das viaxes de volta na AP-9, mentres que a Xunta de Galicia só bonifica nun 20% os traxectos de volta na AG-55. “É inxusto e discriminatorio porque miles de persoas dos concellos de Bergantiños e a Costa da Morte usan cada día a AG-55 para ir a traballar, a estudar, ao médico…o mínimo é que as autovias da Xunta tiveran as viaxes de volta gratuitas, como fixemos os socialistas desde o Goberno de España, pero o PP non fixo nada”, afirmou a candidata socialista. Iglesias defendeu tamén que un goberno de Besteiro na Xunta “impulará a axenda social que esta comarca necesita, con máis e mellores servizos públicos: sanidade, educación e atención á dependencia son bandeiras da xestión socialista”. “A nós o que nos preocupa é a dependencia, non a independencia”, afirmou Patricia Iglesias, que destacou que “en quince anos, a Xunta non construíu nin unha soa residencia pública. Non se avanzou nada nese cuarto piar do Estado do Benestar que é a Dependencia, por iso os socialistas crearemos novas residencias e centros de día para persoas maiores con prezos xustos. Residencias próximas e de tamaño máis reducido que os macrocomplexos da Xunta, que eviten o desarraigo dos nosos maiores. Un modelo cercano e de atención personalizada que Besteiro xa implantou desde a Deputación de Lugo e que imos estender a toda Galicia desde a presidencia da Xunta”, afirmou.

Pola súa banda, Fabián Canosa destacou a necesidade de apostar pola reindustrialización e a a creación de emprego na comarca. “Para fixar poboación no rural, apostar polo emprego é imprescindible”, afirmou, e puxo como prioridade para os vindeiros catro anos “avanzar nun incremento salarial logo de que 15 anos de gobernos do PP nos deixen unha Galicia onde os soldos se sitúan entre os máis baixos”. Canosa defendeu que as medidas orientadas a este tipo de melloras non só benefician ás traballadoras e ós traballadores, senón que “impulsan a economía”.

O número 6 da candidatura socialista pola Coruña comprometeuse tamén a que cun goberno presidido por Besteiro, a Xunta prestará especial atención ao transporte público. Recuperarase, dixo, un servizo axeitado ás necesidades de mobilidade da cidadanía, logo de que o redeseño das concesións por parte do goberno popular creara “un verdadeiro caos” que tamén padecen as usuarias e os usuarios de Bergantiños e a Costa da Morte. “Frecuencias e liñas axustaranse á demanda real das viaxeiras e dos viaxeiros”, concluíu.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha