O Partido Socialista reivindica un dique flotante no porto de Fisterra para as embarcacións de recreo

Fonte: psdg-psoe.com

  • Loli Toja reclama recursos do goberno galego para impulsar o uso turístico dun porto Xacobeo que dinamizaría á vila

A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja, presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Pesca celebrada este xoves no Parlamento, para reclamarlle ao goberno galego un dique flotante no porto de Fisterra. O obxectivo, explicou, é que “permita dispoñer dunha zona de atraque ás embarcacións de recreo que se achegan á ría de Corcubión”, que foi vetada polo PP.

Toja lembrou que o porto de Fisterra “é un porto Xacobeo” integrado nunha localidade que, ademais de ser punto de paso de referencia mundial, é recoñecida como Concello de Interese Turístico, e reclamou “recursos para dar resposta ao que eses recoñecementos supoñen”. Chamou ao goberno galego a aproveitar a oportunidade de impulsar o achegamento das embarcacións por mar que “poden dinamizar a vila e ser un motor socioeconómico”.

Criticou que con este veto, o PP demostra que os anuncios do conselleiro de Cultura para informar sobre o Plan Estratéxico do Xacobeo “son palabras que non van máis alá”. Ademais tamén sinalou a “necesidade que ten a ría de Corcubión dunhas instalacións que permitan o atraque das embarcacións de recreo”, e salvar a “xestión nefasta” por parte de Portos de Galicia.

Toja esixiulle ao goberno galego que “deixe de facer publicidade e propaganda” e poña en marcha unha infraestrutura que fomentaría os deportes náuticos, “contribuíndo á desestacionalización do turismo e, polo tanto, á xeración de empregos directos e indirectos”.