Á espera dunha nova avaliación a conca Galicia Costa aínda permanece en alerta por seca, pero cambiouche o conto. A borrasca Beatrice que entrou na noite do sábado para o domingo en Galicia deixou máis de 300 incidencias. Sobre todo, rexistráronse asolagamentos nalgúns puntos porque os sumidoiros non dan aliviado, árbores e pólas caídas e cables do teléfono no chan por mor do vento.
Pero tamén deixou unha fermosa estampa no leito de moitos ríos e encoros, foi o caso do río Anllóns ao seu paso por Carballo, onde os animaliños que adoitan a transitar este espazo estaban máis que contentos e agradecidos. Claro está que nunca chove a gusto de todos.
A costa atlántica foi a que concentrou os maiores rexistros non só de choiva, senón tamén de vento: 115 quilómetros por hora en Camariñas, e por riba dos 100 tamén as Illas Cíes, Ons, Carnota, Malpica e Punta Lagosteira. Unha árbore caeu ás dúas da mañá na A-6 en sentido Madrid, ao seu paso por Culleredo, concretamente no quilómetro 586. Non houbo que lamentar danos persoais, pero a circulación quedou interrompida ata as 5:00 horas.