O patrón do Villa de Pitanxo relata que o motor do barco «parou repentinamente»

1 minutes read

Unha parada «repentina» do motor principal do Villa de Pitanxo, foi a orixe do naufraxio do arrastreiro en augas de Terra Nova o martes pasado. Así o comunicou a empresa armadora, que fixo pública este luns a explicación ofrecida polo patrón do barco, Juan Padín, un dos tres sobreviventes. Esa circunstancia produciuse durante a manobra de virada do aparello, segundo a compañía. A parada do motor deixou ao barco «sen propulsión nin goberno» e exposto ao vento e ás ondas, sufrindo golpes de mar que o escoraron e afundiron «de forma moi rápida». Os armadores reuníronse este luns coas familias dos tripulantes falecidos e desaparecidos para trasladarlles esta información e o estado das repatriacións. Ademais, mostraron a súa «total disposición» para impulsar que as tarefas de rastrexo se retomen «canto antes».