O patrulleiro de Vixilancia Aduaneira ‘Torgo I’ xa está en Cee para dar cobertura á Costa da Morte

1 minutes read

A vila de Cee recibiu ao Torgo I, un patrulleiro do Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) que terá a súa base de referencia no porto de Brens. A súa misión será reforzar os medios destinados á vixilancia marítima e a loita contra o narcotráfico na Costa da Morte, segundo informou a alcaldesa ceense, Margarita Lamela. A embarcación conta con 38 metros de eslora e unha dotación de doce tripulantes, todos eles funcionarios do Servizo de Vixilancia Aduaneira. As súas características permítenlle desenvolver operacións durante varias xornadas consecutivas sen necesidade de regresar regularmente a porto, o que amplía a súa capacidade operativa e de actuación no litoral. Cabe destacar que Cee contará tamén cunha base operativa permanente do servizo, con sede no edificio de Facenda e, segundo indicou a rexedora, prevé que conte cun persoal dunhas dez persoas.