A actuación levada a cabo polo Concello de Carballo consistiu no subministro e instalación de pavimento deportivo que garante a protección anti humidade, fungos e bacterias, ademais dun deslizamento controlado, e que se axusta á normativa europea de seguridade e confort dos/as deportistas. Tamén se pintaron pistas de xogo de balonmán, fútbol sala, baloncesto, voleibol e badminton, habilitando así a instalación para a práctica de diferentes deportes. A maiores colocáronse as canastras de baloncesto regulamentarias, dotadas dun sistema mecanizado para poder elevalas ao teito e tamén para poder regulalas á altura do minibásket. Jovan Vukasinovic, un dos xogadores do equipo sénior masculino do Basket Xiria foi dos primeiros en probalo durante a visita que fixo ao remate das obras co concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, acompañado polo xefe do servizo de instalacións deportivas, Fran del Valle, ambos coincidiron nunha valoración moi positiva do investimento realizado.