Este mércores tivo lugar no Pazo de Arenaza unha nova edición do Digital Transformation Day, evento organizado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) e enmarcado dentro dos Tech Days de Arenaza no que tres relatores afondaron na transformación dixital, nas tecnoloxías implicadas e no funcionamento da industria 4.0. O evento reuniu a diversos emprendedores/as e traballadores/as do eido das pemes interesados/as en ampliar os seus coñecementos de cara á dixitalización.
A xornada comezou coa intervención de Pablo Pérez Vázquez, director de xestión no ICOIIG, coa charla ‘O humano na transformación dixital’. Durante a súa quenda, Pablo falou do papel das persoa no proceso de dixitalización das empresas, de como integrar as tecnoloxías e poñer en valor o papel dos traballadores e traballadores e ensinou como foi o proceso de adaptación no marco da transformación dixital para unha institución como o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias.
A segunda charla veu a cargo de Carlos Mozas, da consultora G3M, que explicou detalladamente cal é a cadea de valor na Industria 4.0 e como converter as novidades en oportunidades, poñendo como exemplo o exitoso caso da empresa Krack, unha zapatería pontevedresa que empregou a creatividade e a eficiencia para dixitalizar a súa cadea de valor e veu incrementado o seu crecemento e os seus resultados xerais.
Tras unha breve pausa para un café, o último bloque de charlas correu da man de Daniel Prieto, CEO de Soltec Ingenieros, que dividiu a súa intervención en dúas partes. Na primeira falou da evolución e a disrupción, é dicir, de todos os cambios que acontecen no proceso de dixitalización e o punto no que nos atopamos na actualidade; a segunda parte tratou dos xemelgos dixitais, representación dixitais de grandes aplicacións, e do desenvolvemento do software NOA por parte de Norlean.