O Pazo de Fonseca inaugura unha exposición que recrea o pasado da USC


Este xoves tivo lugar a inauguración da exposición A Minerva Compostelá. As súas Glorias, unha mostra organizada pola Universidade de Santiago de Compostela co apoio da Xunta na que se recrean varios espazos do pasado da institución e se divulga ao gran público diferentes personalidades vinculadas coa USC desde a súa fundación ata a actualidade.

A exposición A Minerva Compostelá. As súas Glorias poderá verse ata o 22 de xaneiro no Colexio de Fonseca e ocupa as tres salas dedicadas a exposicións temporais. Na sala Artesoado recréase a antiga biblioteca, cos mais de 20 retratos que estaban alí no ano 1882 e documentación e obxectos alusivos. Na capela recréase un estudo por medio de documentación e unha galería de personaxes ilustres dos séculos XIX e XX, unha parte de quen foron os seus protagonistas. Na sancristía faise unha presentación do Museo Virtual da USC, unha iniciativa xurdida ao abeiro deste proxecto, que alberga máis de mil bens inventariados aos que se pode acceder de balde.