Este martes tivo lugar o acto de entrega desta certificación, que supón un recoñecemento da singularidade dos seus valores históricos e botánicos por parte de ObserverScienceTourism.com, que é a primeira plataforma de destinos e servizos de turismo científico certificados.
Para esta entidade o pazo, «ademais dos seus valores naturais, conta cunha pinacoteca visitable, de enorme valor, centrada en obras de arte dos séculos XIX e XX, moitas delas de artistas galegos» e é «unha das propiedades señoriais máis emblemáticas de Galicia» polo que cumpre os requisitos impostos pola certificación para converterse en ‘Destino Observer’ baixo a categoría de ‘Xardín Histórico’.
Os Xardíns históricos Observer son lugares de interese cultural e botánico. Quedan definidos nesta categoría os conxuntos históricos do patrimonio natural ou cultural que constitúan un recurso único e singular a través do que realizar actividades de divulgación e turismo científico no eido da botánica e a historia.
O obxectivo da certificación Observer é poñer en valor e recoñecer a singularidade dos recursos turísticos que avalían, e achegar aos xestores do espazo una ferramenta de planificación que sirva de guía para deseñar novas estratexias turísticas acordes ao patrimonio dos destinos que certifican.
No acto participaron o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira. A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez. A directora de Observer, Maite Vence. A vicepresidenta da Sociedade Internacional da Camelia para Europa, Pilar Varela, e o deputado de Patrimonio e Contratación da Deputación da Coruña, Xosé Luís Penas.