O Pazo de Quián acollerá a vindeira semana a I Mostra de Calidade Alimentaria

Alimentos_PIXABAY

O Pazo de Quián, situado no lugar de Sergude, no concello coruñés de Boqueixón, acollerá entre os vindeiros días 15 e 17 de decembro a I Mostra de Calidade Alimentaria para poñer en valor as producións galegas de calidade diferenciada.

Así, neste marco presentarase a nova campaña institucional do Goberno galego para promocionar a excelencia alimentaria galega, xunto ao Marketplace oficial no que produtores poderán vender estas producións, establecendo contacto eles mesmos co consumidor.

Ademais, haberá ata tres foros diferentes, que versarán sobre gastronomía e turismo, arredor da filosofía “slowfood” e sobre a Dieta Atlántica. Todos eles irán acompañados da degustación de produtos relacionados e dun pequeno concerto musical.

A maiores, no exterior do Pazo de Quián estará presente unha “gastroneta” da Axencia Galega da Calidade Alimentaria que ofrecerá aos asistentes unha mostra da calidade alimentaria galega, presentada nunha caixa con diversos produtos da despensa da nosa comunidade.