A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, inauguraron a exposición fotográfica con motivo do 50 aniversario do Pazo dos Deportes en Riazor, un percorrido visual polos acontecementos máis importantes que tiveron lugar neste edificio deseñado por Rey Pedreira xunto a obxectos como a bandeirola inaugural, o primeiro pódium ou algunhas das entradas dos concertos máis emblemáticos.
Acompañada do comisario da mostra, o xornalista Rubén Ventureira, a rexedora recordou que o pazo foi pensado polo grande arquitecto coruñés como unha rede de cordas pechada para lle dar cabida ás bancadas e aos distintos espazos que alberga no interior. A alcaldesa sinalou que aínda que Rey Pedreira escolleu o gris do formigón armado que tanto lle gustaba, «todas e todos sabemos que o corazón deste pavillón é verdibranco e tamén laranxa». Indicou que se conformou como un pazo para os deportes e que cumpriu con esa premisa «desde o momento en que o Concello decidiu darlles acubillo nel ás escolas deportivas municipais».