A alcaldesa, Inés Rey, recibiu na mañá deste luns no Pazo Municipal os representantes dos oito centros educativos que participan no Pleno Infantil. O pleno celébrase con motivo do Día Mundial da Infancia (20 de novembro), dando a posibilidade ao alumnado de participar de forma activa na gobernanza local.
Un total de 40 nenos e nenas achegáronse ao Pazo Municipal en representación dos oito centros educativos, acompañados por máis de 60 compañeiros e compañeiras e profesores responsables. Os representantes presentaron as súas conclusións, froito do traballo dos dereitos asignados baseándose na Convención sobre os Dereitos dos Nenos a cada unha das escolas: o CPR Esclavas del Sagrado Corazón tratou a identidade, o CEIP Salgado Torres a participación, o colexio plurilingüe Karbo a educación, o CEIP Cidade Vella a saúde, o colexio “Sagrado Corazón” Franciscanas o dereito ao xogo, o Calasanz-Escolapios a protección, o CEIP Eusebio da Guarda a igualdade e o CPR Salesianos San Juan Bosco a familia.
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu o pleno acompañada do concelleiro de Eduación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Celemín. “Volvemos convocar este Pleno Infantil para escoitar o moito que traballastes nas propostas e aprender con vós todo o que vós aprendestes ao preparar este Pleno escoitando as vosas ideas, opinións e propostas para a esta cidade” sinalou a rexedora.