O PEL-Reactiva inxecta 1,7 M€ a autónomos e microempresas da zona, afectadas pola Covid


A Deputación da Coruña publicou no BOP a resolución pola que se aproba a concesión definitiva das subvencións correspondentes ao Fondo de financiamento para a reactivación económica e social da provincia da Coruña, PEL-Reactiva. Son 10 millóns de euros para este novo programa, ao que se sumaron 88 dos 90 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. Destes cartos, algo máis de 1,7 millóns de euros correspóndenlle aos concellos da Costa da Morte. O presidente provincial, Valentín González Formoso, explicou que, debido á pandemia, houbo un importante traballo de reorganización orzamentaria para dotar de fondos a un plan que pretende ser “un apoio masivo e necesario para os autónomos e as pequenas empresas da provincia”. Así mesmo, o presidente destacou a importancia de “crear sinerxias” e “traballar de forma coordinada entre distintas administracións”, cun programa “que conta coa colaboración esencial dos concellos”.