O persoal municipal de Carballo realiza o 90% do seu traballo grazas á tecnoloxía

1 minutes read
  • Dende o 9 de marzo hai 71 usuarios activos a diario na ferramenta de traballo colaborativo Microsoft Teams

Aínda que existen limitacións, as ferramentas informáticas habilitadas polo Concello de Carballo permiten que case o 90% do traballo administrativo poida realizarse dende a casa. Nestes momentos hai 71 usuarios activos utilizando a ferramenta de traballo colaborativo Microsoft Teams, que permite o intercambio de información e documentos, conferencias e videoconferencias en grupo, compartir pantallas e asistencia técnica en remoto por parte dos servizos informáticos municipais. Ademais, cumpre todos os requisitos de protección de datos e do esquema nacional de seguridade, o que nos permite intercambiar información de forma segura.

Hai servizos que están a funcionar presencialmente con relativa normalidade e incluso con maior intensidade, como a Policía Local, a Brigada Municipal de Obras, Protección Civil, a Unidade de Condutas Adictivas ou as empresas que xestionan os servizos de recollida de lixo, o ciclo integral da auga, o alumeado público, a limpeza viaria ou o control de pragas. Pero a maioría do persoal municipal está a teletraballar.

Ademais de Microsoft Teams, o persoal do Concello dispón doutras moitas ferramentas para traballar, en boa parte xestionadas pola Deputación da Coruña. Unha delas é a sede electrónica do Concello de Carballo, á que pode accederse neste enderezo web https://sede.carballo.org para todo tipo de trámites.