Dúas aeronaves foron derivadas ao punto, unha co seu equipo médico e outra do Servizo de GardaCostas de Galicia, para rescatar ao varón, de 60 anos e veciño de Santiago.
Unha persoa particular, que se identificou como familiar foi quen chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que o home caera tras sufrir unha indisposición e que levara un golpe, mentres baixaban dende o Monte Pindo cando se dirixían cara a aldea do Pindo en Carnota, nunha zona de difícil acceso para os vehículos.
Con estes datos, desde o 112 Galicia informouse ao servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazou ao punto o helicóptero medicalizado con base en Santiago co seu equipo médico. Do mesmo xeito, foron informados os Bombeiros de Cee, os membros do GES de Muros, os axentes da Garda Civil e da Policía Local e os efectivos de Protección Civil da localidade.
Pese aos intentos, nada máis localizar á persoa, os servizos de emerxencias alí desprazados, así como o equipo médico do helicóptero medicalizado que tomou terra nunha zona moi próxima, nada puideron facer por salvarlle a vida.
Con todo, debido á zona onde se atopaba o falecido, foi precisa a intervención do helicóptero Pesca 1 do Servizo de GardaCostas de Galicia para facer o rescate do varón.