O PIB cae o 17,8% no segundo trimestre


O trompazo da economía española, sufrido no segundo trimestre, foi un pouco menor do esperado, aínda que segue doendo. O Instituto Nacional de Estatística (INE) rebaixou sete décimas a contracción do PIB, anunciada a finais de xullo, do 18,5% ao 17,8%, o peor dato da historia e a peor caída da zona euro. A economía española entrou en recesión técnica ao encadear dous trimestres consecutivos de descensos (no primeiro trimestre a contracción foi do 5,2%). En plena segunda onda da COVID-19, as previsións non son alentadoras. Avecíñanse meses difíciles. O Goberno español prognostica un retroceso do PIB anual do 9,2%, aínda que o Banco de España é máis pesimista, e prevé unha contracción de entre o 10,5% e o 12,6%.