A delegada da Xunta da Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde da Laracha, José Manuel Varela, visitou o Programa Integrado de Emprego (PIE) desenvolvido por este Concello. Alí puxo de relevo o papel clave destas ferramentas, que a Xunta impulsa en colaboración cos concellos e entidades sen ánimo de lucro, na integración sociolaboral dos colectivos con máis dificultades de acceso ao mercado de traballo.
En relación co PIE da Laracha, que contou cunh achega da Xunta de 220.000 euros, participan un cento de persoas que teñen que ser desempregadas, entre as que: 2 son persoas con discapacidade, 20 menores de 30 anos, 20 maiores de 52, 27 perceptoras de prestacións, subsidios ou Renta Activa de Inserción (RAI), 11 mulleres, 10 persoas sen emprego de longa duración e 10 persoas non incluídas nos grupos anteriores. Belén do Campo resaltou que durante este ano están optando a itinerarios personalizados de inserción laboral que combinan accións de orientación, formación, acompañamento e intermediación.
A nivel formativo, neste curso en concreto completouse con éxito a acción relacionada con o comedor escolar dende unha perspectiva socioeducativa. Nesta semana deron comezo as formacións de xestión loxística e actuacións en primeiros auxilios. Nos vindeiros meses está prevista a realización das seguintes accións formativas: operacións de caixa e reposición, a mediados de marzo; recepción e atención ao cliente, no mes de abril; introdución á intelixencia artificial, condución de carretillas elevadoras, seguridade e hixiene na industria alimentaria, e administración e aplicacións informáticas de xestión.
Este programa formativo continúa reforzando a cualificación profesional das persoas participantes, adaptándose ás necesidades actuais do mercado laboral e favorecendo novas oportunidades de inserción e mellora profesional.