O pasado ano José Lamela completaba a mellor tempada da súa aínda curta traxectoria deportiva na modalidade de rallyes, onde debutou no ano 2017 tras un período de aprendizaxe no karting e no autocrós. Con 24 anos recentemente cumpridos, o piloto natural de Carnota pero que pasou case toda a súa vida na contorna de Santiago de Compostela, afrontará a que quizá sexa a campaña máis ilusionante de todas despois de proclamarse campión da Agrupación 2 coa súa Citroën DS3 R3T a pasada tempada e de concluír terceiro absoluto na clasificación final do Campionato de Galicia de Rallyes.
Lamela disputou ata o momento un total de 44 rallyes, ademais de probas noutras modalidades como rallymix, montaña ou rallysprint. Nese case medio centenar de rallyes nos que participou, sempre destacou pola súa gran regularidade contabilizando unicamente 11 abandonos, a maioría deles provocados por avarías mecánicas pois unha das súas características é a de ser un piloto sumamente fiable que comete moi poucos erros.
Neste 2023 José Lamela repetirá no Campionato de Galicia de Rallyes, pero farao cun Skoda Fabia N5 do preparador leonés Roberto Méndez, que coa súa empresa RMC Motorsport situada en Caboalles de Abaixo, no municipio de Villablino, logrou que esta nova categoría de coches teña unha gran presenza nos certames rexionais repartidos por toda España e mesmo por parte de Europa. Grazas a este novo coche, o mozo piloto optará ás primeiras posicións nas probas que dispute, situación que xa se daba o ano pasado, pero farao cunha mecánica de mellores prestacións pois pasará dun coche de dúas rodas motrices e tracción dianteira, como era o Citroën DS3 R3T, a un Skoda Fabia N5 de tracción total que xa puido probar onte como antesala do Rallye da Coruña, primeira proba do certame autonómico que se celebra este sábado pero que terá unha cerimonia de saída o venres pola tarde desde a praza de María Pita da cidade herculina.
O calendario do Campionato de Galicia de Rallyes está composto por dez probas e o obxectivo é loitar polas primeiras posicións do mesmo así como polo título na Copa N5 e no Trofeo Top Ten Pirelli-Driver-Autia B, no cual o pasado ano xa finalizou en terceira posición.
O proxecto estará sustentado pola empresa de telefonía COCOMM, integrada no holding empresarial Visualiza Business propiedade do empresario compostelán José Ramón García, quen leva vinculado ao mundo do motor desde hai nove anos a través de patrocinios con outras empresas do seu grupo no mundial de Moto GP con pilotos da talla de Maverick Viñales, Tito Rabat, Aleix Espargaró, Scott Redding, etc., e tamén asociado a outros deportes como a liga Endesa de baloncesto coa súa presenza no consello de administración do Monbus Obradoiro durante os seus 12 últimas tempadas na ACB. García comenta sobre este novo proxecto que “Lamela é un piloto de futuro que debe aspirar a cotas nacionais e internacionais, pero ten que construír e crecer desde abaixo, con humildade e dedicación como facemos coas nosas empresas, partindo de cero e construíndo e escalando coa combinación de esforzo, dedicación e talento. Os seus resultados no próximo Campionato de Galicia marcarán os seus próximos obxectivos a cotas máis altas, enfocados a dar novos pasos cara adiante en certames de maior rango”.