Os nove operarios seleccionados, que serán contratados cunha xornada semanal de 30 horas durante cinco meses, realizarán obras e traballos de acondicionamento e mellora de diversas infraestruturas titularidade municipal. Estes traballos incluirán o mantemento de camiños e vías de acceso municipais a distintos núcleos de poboación do concello, a limpeza de cunetas, instalación de sinais, pintado dos pasos de peóns, mantemento de beirarrúas, alcantarillado e alumeado público ou a reparación de parques públicos, áreas recreativas e instalacións deportivas.
Destinado a desempregados/as con dificultades para a integración laboral
Entre os requisitos que deben cumprir os/as aspirantes a estes postos de traballo, figuran ter cumpridos os 16 anos de idade e estar inscritos no Servizo Galego de Colocación como demandantes de emprego.
Así mesmo, a Deputación esixe nas bases do programa que a contratación beneficie especialmente a aqueles colectivos máis afectados polo desemprego: maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas cun grao recoñecido de discapacidade, persoas pertencentes a fogares con todos os seus membros en paro, vítimas de violencia de xénero, persoas en risco de exclusión social ou mulleres, dado que o índice de paro rexistrado entre as mulleres é sensiblemente superior ao dos homes.
Dentro destes colectivos, outorgaranse puntos extra a aquelas persoas que teñan rematado favorablemente programas de capacitación, formación e integración no mundo laboral organizados ou financiados polas administracións públicas.