O presidente ruso, Vladímir Putin, asegurou ao termo dunha reunión co seu homólogo chinés, Xi Jinping en Moscova, que o plan de paz proposto por Pequín pode tomarse como base para un acordo en Ucraína «cando Occidente e Kiev estean preparados». Putin dixo que ambos asinaron acordos en cooperación estratéxica e que Moscova aumentará a subministración de enerxía a Pequín.
«Moitos dos puntos incluídos no plan de paz de China están en consonancia coas posturas rusas e poden servir de base para o arranxo pacífico, cando Occidente e Kiev estean preparados para iso», declarou Putin xunto ao líder chinés, Xi Jinping, tras a firma de varios documentos no Gran Palacio do Kremlin. «Aínda que, por agora, non vemos tal vontade pola súa banda», engadiu.
Putin, que recibiu a Xi para establecer negociacións formais na segunda xornada da visita de Estado do líder chinés a Moscova, asegurou as conversacións foron «frutíferas e construtivas» e que esperaba seguir en permanente contacto co líder chinés no futuro.
«Rusia e China poden atopar unha solución mesmo aos problemas máis complicados», concluíu Putin.