- Un plan que ten como obxectivo paliar os efectos económicos nos sectores máis castigados pola crise, e fortalecer os servizos públicos
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou este venres a aprobación no Consello da Xunta do Plan de Reactivación e Dinamización de Galicia que, dotado con 3.043 millóns, ten como obxectivo traballar para paliar os efectos económicos nos sectores da economía, da industria e dos servizos máis castigados pola crise, e fortalecer os servizos públicos con máis sanidade que nunca, un servizos sociais con máis prestacións que nunca; e tamén o sistema educativo, “que vai ter que facer un enorme esforzo para recuperar o curso lectivo que empeza en setembro”, asegurou.
Logo de recordar que este plan dá resposta ás propostas realizadas polo Comité de Expertos Económicos de Galicia, Feijóo expuxo que deses 3.043 millóns de euros, 1.741 millóns correspóndense con recursos públicos que achegará directamente a Xunta, o que permitirá mobilizar outros 1.302 millóns de euros de recursos privados, sobre todo na parte de dinamización económica e emprego.
No tocante á distribución dos 1.741 millóns de recursos públicos, o responsable do Goberno galego explicou que a área de sanidade concentrará 450 millóns; a área social, 105 millóns; o emprego, 197 millóns; o eido da dinamización económica do conxunto dos sectores da economía de Galicia contará con 334 millóns; o ensino público disporá de 72 millóns; o turismo e a cultura, 58 millóns; o medio rural disporá de 161 millóns; o sector do mar, 77 millóns; o medio ambiente e a vivenda, 104 millóns; e para infraestruturas e mobilidade destinaranse 183 millóns.