O “Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital”, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, inicia o segundo trimestre do ano con trece iniciativas en marcha destinadas ao fomento das vocacións temperás e do talento dixital avanzado.
O catálogo de actividades de DigiTalent, que se pode consultar na web DigiTalent, conta coa colaboración das entidades do Pacto Dixital de Galicia, que manteñen o seu compromiso co impulso do talento tecnolóxico na comunidade.
As trece actividades, que se desenvolven entre abril e xuño, están aglutinadas en dúas liñas de actuación. Por unha banda, DigiClan reúne as actividades dirixidas a espertar, motivar a potenciar as vocacións STEAMdende idades temperás, estimulando as destrezas e capacidades tecnolóxicas dos máis pequenos a través de actividades en formatos dinámicos cunha perspectiva lúdico-formativa. Por outra banda, están as actividades dirixidas a aumentar a xeración, retención e atracción de talento tecnolóxico especializado, unidas baixo o epígrafe DigiLeaders.