As Comisións Informativas de Asuntos Económicos, Facenda e Especial de Contas e a de Asuntos Xerais do Pleno ditaminaron este martes favorablemente os dous asuntos que serán elevados ao Pleno extraordinario que se celebrará este venres. Un deles é o Plan Estratéxico de Subvencións para o período 2026-2028, instrumento de planificación que establece as principais liñas de actuación e os obxectivos aos que se orientarán as axudas municipais durante os próximos anos.
O plan contempla un incremento progresivo dos recursos destinados a subvencións municipais. Para o ano en curso está consignada unha dotación de 467.310 euros, que se elevaría a 552.406,50 euros en 2027, o que supón un incremento do 18,2 %. Para 2028 está prevista unha nova subida ata os 635.017,48 euros, un 15 % máis respecto do exercicio anterior. No conxunto do período, os recursos previstos aumentarían un 35,9 %.
O documento estrutura a actividade subvencionable do Concello en cinco grandes liñas estratéxicas: benestar e protección social; igualdade de oportunidades e loita contra a violencia de xénero; cultura e actividade social; educación e deporte; e promoción económica e emprego.
Dentro destas áreas inclúense tanto as convocatorias de concorrencia competitiva como as subvencións nominativas previstas nos orzamentos municipais. Entre os ámbitos aos que se dirixirán as axudas están o apoio ás entidades deportivas, culturais e educativas, a escolarización (bolsas de estudos), as emerxencias sociais, a promoción do comercio e da economía local, a organización de actividades culturais e deportivas ou a colaboración con entidades vinculadas á actividade festiva e social do municipio (Comisións de Festas).
O Plan Estratéxico de Subvencións permitiría establecer unha planificación plurianual da política municipal de axudas, vinculando cada liña aos obxectivos que se pretende acadar e aos recursos dispoñibles. O documento tamén establece mecanismos de seguimento e avaliación para comprobar o grao de cumprimento deses obxectivos e a adecuación dos recursos empregados, podendo modificarse ou substituírse aquelas liñas que non acaden os resultados esperados.
Regulamento da carreira profesional do persoal municipal
O outro asunto que será sometido á consideración do Pleno é a aprobación inicial do Regulamento polo que se articula a avaliación do desempeño e a carreira profesional horizontal do persoal do Concello da Laracha.
A proposta supón avanzar na implantación dun sistema que permitirá recoñecer de maneira individualizada a traxectoria e o desenvolvemento profesional dos empregados públicos municipais, tendo en conta aspectos como a experiencia, a formación, os coñecementos adquiridos, a calidade do traballo realizado, a participación, a iniciativa e o compromiso co servizo público.
A carreira profesional proposta polo grupo de Goberno Local estrutúrase en diferentes graos aos que se poderá progresar de maneira sucesiva, sempre de acordo coa permanencia no posto, a formación e unha avaliación positiva do desempeño. Trátase dun sistema voluntario, personalizado, progresivo, avaliable e transparente, no que os criterios de valoración son públicos e a progresión ten carácter consolidable.
A implantación deste sistema permitiría ofrecer aos traballadores municipais unha vía de recoñecemento da súa evolución profesional e favorecería a actualización de coñecementos, a formación continua, a motivación e a mellora da calidade dos servizos públicos que se prestan á cidadanía.
A proposta que se eleva ao Pleno foi obxecto de negociación cos representantes do persoal nas correspondentes mesas xerais e incorpora a versión definitiva do regulamento elaborada tralos informes preceptivos e o proceso de negociación desenvolvido durante os últimos meses.
