O Plan reitor do Parque Natural de Corrubedo supera novos trámites antes da súa aprobación definitiva

1 minutes read

O Plan reitor de usos e xestión (PRUX) do complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán superou un trámite decisivo de cara á súa aprobación por parte do Consello da Xunta. A xunta reitora do parque natural foi informada do contido do decreto de modificación do Plan de ordenación de recursos naturais (PORN) e de aprobación do PRUX, documento que inclúe tres anexos coa proposta de zonificación, o contido do novo plan reitor e a cartografía.

Unha vez superado este trámite, o novo instrumento estará en disposición de someterse a consulta pública este mesmo mes por un período de 15 días. Finalizado o devandito prazo e tras analizar as achegas recibidas e valorar posibles modificacións, o PRUX remitirase ao Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (Cogamads) para sometelo ao seu informe, previsiblemente no mes de abril. Este será o último paso antes da súa aprobación definitiva por parte do Consello da Xunta.

Cómpre lembrar que o PRUX é un documento requirido pola Lei de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia para regular os usos públicos dos parques e reservas naturais da Comunidade, así como as medidas de xestión necesarias para compatibilizalos coa conservación destes espazos.