A convocatoria está aberta desde o pasado 20 de abril e o prazo de solicitudes manterase ata o 30 de setembro ou ata que se esgote o crédito previsto, que este ano ascende a 3M€, un 70% máis que o pasado ano e co que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta pretende chegar a 20.000 fogares. As solicitudes tramitaranse a través de entidades colaboradoras e presentaranse por medios electrónicos e xa se presentaron un total de 7.739 reservas.
O programa Renove Electrodomésticos está dirixido a persoas que residan en vivendas localizadas en Galicia e queiran renovar os seus equipos por outros da mesma tipoloxía e coa seguinte cualificación enerxética: frigorífico ou frigorífico conxelador A, B, C ou D; conxelador A, B, C ou D; lavadora A, B ou C; lavalouza A, B ou C; ou encimera de indución total.
Os apoios poderán acadar o 25% do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral, o 50% para os vulnerables e o 75% para os vulnerables severos, polo que, segundo a tipoloxía de electrodoméstico e o consumidor, as axudas irán desde os 100 aos 450 euros. Deste xeito, prestarase especial atención ás familias vulnerables. Cada beneficiario poderá recibir unha axuda para cada unha das tipoloxías cun máximo de tres electrodomésticos.