O Plan Único da Deputación da Coruña financiou 887 obras nos concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Plans, Cristina García, visitaron hoxe o Concello de Mugardos, onde foron recibidos polo alcalde, Juan Domingo de Deus, e polos membros da corporación municipal. Durante a visita mantiveron un encontro institucional no que analizaron o impacto do Plan Único (POS+) no municipio e no conxunto da comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

Formoso destacou que o Plan Único se consolidou como «a principal ferramenta de apoio económico da Deputación aos concellos» e subliñou que o modelo permite que cada municipio decida con plena autonomía o destino dos fondos, tanto para obras como para servizos municipais, financiando gasto corrente ou programas sociais.

O presidente provincial sinalou que a primeira achega do POS+2026 supón unha inxección de 16.175.520,48 euros para os concellos da comarca, «uns fondos que permiten mellorar infraestruturas, reforzar servizos básicos e atender necesidades sociais, pero tamén garantir o funcionamento diario dos concellos e a calidade de vida da veciñanza».

Formoso puxo en valor o impacto acumulado do plan, que desde a súa creación mobilizou xa 161.065.151,79 euros na comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal e permitiu financiar 887 obras nos distintos municipios. «Estamos a falar de investimentos que chegan a todos os concellos e que permiten facer desde grandes obras ata actuacións pequenas pero moi necesarias no día a día», afirmou.

O presidente lembrou tamén a necesidade de mellorar o financiamento municipal en Galicia e destacou que o Plan Único investiu o pasado ano 138 millóns nos 93 concellos da provincia, 20 millóns máis dos que investiu a Xunta nos 313 municipios galegos a través do Fondo de Cooperación Local. Por iso, reclamou á administración autonómica que incremente este fondo ata un mínimo de 200 millóns de euros «para aliviar a presión económica que están a sufrir os concellos».

No caso concreto de Mugardos, o municipio recibirá 366.934,69 euros no POS+2026. Desde a posta en marcha do plan en 2017, o investimento acumulado da Deputación neste concello ascende a 4.100.174,45 euros, que permitiron financiar 36 obras no municipio.

Pola súa banda, a deputada de Plans, Cristina García, destacou que o Plan Único supuxo «un cambio de paradigma na colaboración cos concellos», ao permitir adaptar os fondos ás necesidades reais de cada municipio. «É un plan que dá autonomía, que deixa a decisión de elixir en qué se inviste a quen realmente coñece as necesidades da veciñanza, que son os concellos».

A deputada destacou tamén «a flexibilidade do plan», que permite destinar fondos a obras, gasto social ou gasto corrente, «adaptándose ás necesidades de cada concello». «Nunha provincia como a nosa é o único modelo que ten sentido», afirmou Cristina García, que remarcou o «impacto positivo» que teñen as obras na economía local.

Pola súa banda, o alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, agradeceu a visita institucional para presentar o Plan Único «que axuda moito aos concellos, sobre todo aos pequenos e medianos municipios que temos moitos problemas no día a día». «Os concellos necesitamos a colaboración doutras administracións porque temos demasiados servizos que prestar, moitas veces impropios, pero que temos que seguir sostendo».

Related posts

A Deputación da Coruña aproba o POS+Social 2026, que incrementa ata os 8 M€ o apoio aos servizos sociais municipais

O BNG de Santa Comba pide información sobre a cesión dunha finca municipal para instalar unha antena en San Pedro de Cícere

A Asociación Española Contra o Cancro nomea ao seu novo Consello Provincial na Coruña