578 millóns de investimento e 3.276 obras na provincia sitúan ao Plan Único da Deputación da Coruña como o maior plan de cooperación municipal de Galicia. Estes datos foron dados a coñecer este venres nunha rolda de prensa na que o presidente, Valentín González Formoso, e o vicepresidente, Xosé Regueira, fixeron balance do conseguido estes anos co POS+.
Formoso explicou que o Plan Único investiu máis de 578 millóns de euros nos 93 concellos coruñeses, unha cifra histórica, a través dun sistema de reparto de fondos xusto e transparente, que ademais outorga aos concellos a capacidade de decidir en qué investir os fondos que se lles achegan. «Devolvemos aos concellos a liberdade de decidir», afirmou o presidente, que destacou tamén que o POS+ supón «unha maior eficiencia no funcionamento e un investimento moito maior».
O vicepresidente, Xosé Regueira, foi o encargado de anunciar que no pleno do mes de marzo se incorporarán 42 millóns de euros máis ao Plan Único 2023, «o que o sitúa no horizonte dos 90 millóns, deixando para a corporación vindeira moitas facilidades para xestionar unha cantidade importante de recursos» asegurou. Xosé Regueira lembrou que «estamos falando dun instrumento de planificación rápido, eficaz, claro e transparente» e que «prácticamente toda a obra pública municipal da provincia ten detrás á Deputación a través do Plan Único».
A Deputación da Coruña pon á disposición da cidadanía toda a información sobre o Plan Único cunha nova páxina web (https://plan-unico.dacoruna.gal/) que xa está en funcionamento.